Miradoiro de Teixidelo e cruceiro do Curutelo | GALICIA MÁXICA

O miradoiro de Teixidelo é outro fantástico punto panorámico que conforma a denominada Ruta dos Miradoiros de San Andrés de Teixido.


Na parroquia de  Régoa e sobre un alto de 337 m sobre o nivel do mar levántase un cruceiro que ás veces é denominado Cruceiro do Curutelo. Aproveitando este montículo e a situación do cruceiro no máis alto habilitouse un miradoiro ao que se accede por unhas escaleiras.


Desde alí contemplaremos parte da costa da Serra da Capelada, a enseada de San Andrés de Teixido e os cantís do Monte Tarroiba.


O  cruceiro de cruz latina ten unha inscrición na súa base que nos di que foi realizado polo padroado de Teixido e o ano da súa construción, o cal non chegamos a ler.


Antes de subir existe unha placa sobre unha roca dedicada ao actor Leslie  Howard (1893-1943) quen nun voo de diplomático para unha entrevista co ditador de España para pedir que o país non entrase no conflito mundial, foi derrubado polos avións da Luftwaffe alemán fronte a estas costas.
Así mesmo na placa lémbrase a toda a tripulación falecida neste incidente. Este pequeno recordo foi patrocinado pola Asociación Histórico Cultural " The Royal Green Jackets" da Coruña en colaboración coas embaixadas holandesa e británica así como polo concello de Cedeira.
Lembremos que Leslie  Howard  Stainer interpretou a Ashley  Wilkes na famosa película "O que o vento levou" en 1939.


Na estrada teremos un aparcadoiro para poder deixar o vehículo sen problemas.

Ademais desde este lugar parte unha ruta que nos levará a unha das poucas praias de area negra non  volcánica do mundo e que leva o nome de praia de  Teixidelo.





Comentarios

Publicacións populares deste blog

O Pozo do Arco, fervenzas e muíños | GALICIA MÁXICA

Cruceiros de Galicia

Sorpresa! Un neveiro recuperado