Castro de Punta Sarridal e sauna castrexa | GALICIA MÁXICA

Punta Sarridal é unha pequena península rochosa que penetra no mar e que se atopa rodeada por cantís de case cincuenta metros de altura. O lugar denominado tamén Campo do Castro xa nos da unha idea da existencia dun poboado castrexo sobre esta punta. Con todo pasou desapercibido ata o ano 2017 onde pasa da historia da arqueoloxía e adquire gran importancia polo descubrimento dunha sauna castrexa, Monumento con Forno, a veces denominadas como Pedras Formosas. A súa importancia reside en que foi a quinta localizada en Galicia e sobre todo que é a máis antiga de Galicia, arroxando unha datación polo C-14 duns 2250 anos, ao redor do ano 230 a. C.



A súa escavación promovida polo Concello de Cedeira e dirixida por Emilio Ramil comezou en abril de 2017 con catro catas que deixaron aos descuberto fragmentos de louza e a localización de muros primitivos. Ao final do ano, en decembro, foi localizada a sauna. En 2018 consolidouse o xacemento e agora está pendente de intervencións futuras. Entre os descubrimentos máis interesantes, ademais da sauna, foron un coitelo de bronce e un muíño que formaba parte da calzada e reutilizada posiblemente como base dun poste.



O castro de Punta  Sarridal ocupa practicamente toda a península e é protexido con dous grandes fosos e murallas na parte que da a terra. A súa ocupación esténdese desde o desde o século V a.C ata ben entrada a ocupación romana, entre os séculos I e II d. C.

Moi próximo a el localízase o castelo da Concepción, do século  XVIII e que hoxe é un centro de interpretación onde teremos unha sala destinada aos descubrimentos deste castro.

No extremo da Punta  Sarridal temos un fantástico miradoiro sobre a ría de Cedeira.



Nas inmediacións do castro existe un bo aparcamento habilitado anteriormente para o castelo e que hoxe ben serve para gozar destes recentes descubrimentos castrexos.
Para chegar ata aquí pódese facer a pé desde o porto de Cedeira a través dunhas escaleiras que dan acceso ao castelo ou ben por estrada desde o núcleo de Cedeira.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Sorpresa! Un neveiro recuperado

O Pozo do Arco, fervenzas e muíños | GALICIA MÁXICA

Cruceiros de Galicia