Sorpresa! Un neveiro recuperado


 

Grata sorpresa a que nos levamos ao ir visitar de novo os restos do "Neveiro dos Frades", tamén coñecido como da Franqueira e propiedade na súa antigüidade dos monxes deste próximo mosteiro. Hai tempo soubemos da súa existencia e decidímonos ir atopar os seus restos. Non foi fácil, pois non aparecía nos mapas e por suposto non estaba sinalizado, pois non eran moitos os que coñecesen a súa existencia. Grazas a lectura especializada, á intuición e sobre todo ao "ditoso" Google Earth puidemos localizar os seus restos case imperceptibles daquela sobre o mapa.

Neveiro dos Frades

Era sabido que os seus restos non poderían estar en bo estado pero aínda así a decepción foi grande, pois non entendiamos como un elemento patrimonial de case 500 anos puidese estar en semellante esquecemento. As filtracións de auga provocaran esborralles nos seus muros e os incendios arrastraron gran cantidade de desfeitos cara a dentro como ramas e árbores.

Este fin de semana propuxémonos volver visitalo e a sorpresa foi maiúscula xa que o neveiro estaba recuperado e en gran parte restaurado. Non sabiamos quen fora o autor da recuperación, nin sequera quen a financiou, pois as noticias sobre este feito brillan pola súa ausencia. Despois de publicar este artigo aclaráronnos que foi promovido polo Concello da Cañiza e a Axencia de Turismo de Galicia e financiado pola Deputación. A obra levouna a cabo OlaEstudio.


Unha placa lucía fronte a ela informándonos do nome do  neveiro. Non había máis información nin tampouco estaba sinalizado como chegar ata el. Pero menos mal, un elemento patrimonial que parece que se salvou polo momento xa que normalmente as actualizacións que facemos en Galicia Máxica non adoitan ser para ben.



Esperemos o seu mantemento e a súa sinalización xa que da a impresión de que a intervención aínda non acabou.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Listado completo das 109 praias e portos con bandeira azul no 2018

Muíño de Rañe | GALICIA MÁXICA

Con pés ou sen pés, o máis longo é