Ponte e Ermida de San Xosé | GALICIA MÁXICA

No lugar de Varóns, en Filgueira, atópase un fermoso conxunto arquitectónico tradicional composto por unha ponte, unha capela, un lavadoiro, unha fonte, un cruceiro e os restos de varios muíños.



Este pequeno recuncho onde predomina a vexetación autóctona de ribeira está formado polo río San Xosé que nace nos Montes de Moeiras. O seu pequeno curso esténdese apenas 2 quilómetros e en Filgueira entrega as súas augas ao Miño.

O lugar está acondicionado como área recreativa e para iso contamos con mesas e papeleiras.



Agora imos identificar cada un dos elementos que forman este fantástico conxunto.

Empezamos pola ponte de pedra que o cruza e que dá acceso á capela. Denomínase igual que o río e a súa antigüidade remóntase ao século XVIII. Ten un arco de medio punto lixeiramente apuntado. De rasante recta aínda mantén os pretiles e a calzada e está realizada nunha boa cantería e sillares de boa factura.



Cruzando a ponte temos acceso á sinxela capela de San Xosé, do século XIX. Trátase dunha ermida de planta rectangular e cubrición a dúas augas con tella do país. A súa sinxela fachada móstranos unha porta adintelada debaixo dunha cruz aberta que funciona como un óculo. Unha espadana dun só corpo coroa dita fachada. Descoñecemos se houbo unha capela anterior. A actual foi rehabilitada a principios do século XXI.

Desde a ermida descende un camiño río abaixo onde a uns 100 metros existe un cruceiro que avisaría aos viajantes a proximidade da devandita capela.

Debaixo da ponte, pegado ao río, hai un antigo lavadoiro e unha fonte de caño de pedra cuxas augas parecen vir de debaixo da capela.



Uns metros arriba se mal conservan os restos dun muíño.

Onde está a área recreativa fórmanse varias terrazas artificiais e existen vellos muros de pedra cuxas dimensións nos fan dubidar se estas terrazas eran para o cultivo ou se aloxaban algún tipo de construción. Restos de grandes sillares sobre o río e xunto a el forman unha canle que presenta restos de cemento e diversas ancoraxes de ferro polo que cremos que existiu algún tipo de muíño, serradoiro ou similar que polos vestixios estaría a funcionar ata o século XX. Disto non atopamos información, pero sen dúbida, algo houbo neste lugar ademais dos elementos mostrados.



É probable que este recuncho fose un cruzamento de camiños. Por unha banda viría unha vía desde Ribadavia como testemuña a toponimia próxima (A Calzada, A Costa...) e doutra banda viría o camiño que cruzaba o Miño por medio de barcazas desde a abandonada Aldea da Barca. Neste lugar xuntaríanse e desde aquí comezarían ruta ou ben cara a Tui ou ben cara á Cañiza, rodeando o Monte de Moeiras. Sabemos que estas rutas ademais de utilizalas para pasos locais eran frecuentadas polos arrieros que transportaban mercadorías desde O Ribeiro ata varias zonas de Galicia.




Máis fotos aquí







MAPA - LOCALIZACIÓN

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Listado completo das 109 praias e portos con bandeira azul no 2018

Sorpresa! Un neveiro recuperado

Praia de Laxe | GALICIA MÁXICA