Fragas de Catasós | GALICIA MÁXICA


Mira diante de ti a sorte dos que foron; mira diante de ti a sorte dos que serán..

 

Quizais esta frase de Emilia Pardo Bazán, a cal escribiu parte da súa obra “Os Pazos de Ulloa” na veciña Casa de Quiroga, resuma un pouco o obxectivo de Galicia Máxica: o respecto ao noso patrimonio. E que mellor aplicada ao lugar que nos ocupa, pois este é un fiel exemplo e vivo representante do noso patrimonio natural; as Fragas de Catasós.

A parroquia de Catasós contén un bo número de bosques caducifolios autóctonos repartidos pola súa xeografía formando máxicos enclaves que sobreviviron á demanda de recursos naturais que as sociedades do século XIX e XX devoraban para uso destes para numerosas finalidades. Exemplos destes son as fragas e soutos de Casas Vellas, Portocelo, A Pereira, Penelas, Quiroga, As Zancas, Cardiego ou Cerredo.

No lugar de Quintela consérvase a denominada Carballeira ou Souto de Quiroga que está composta por castiñeiros e carballos centenarios. O seu nome de Quiroga relaciónase coa próxima Casa de Quiroga, familia nobre da comarca que era posuidora deste souto para o seu aproveitamento e responsable en parte desta formación arbórea caducifolia. A súa finalidade era para a construción de vigas de madeira de castiñeiro que a alta sociedade consideraba adecuada e de mellor calidade que a do mesmo carballo, material que era usado por clases máis baixas. Por iso as súas ramas non foron talladas, xa que o seu froito, a castaña, non era o principal obxectivo.

Esta porción de terreo que ocupa 4,52 ha é a que hoxe comunmente chamamos Fragas de Catasós e atópase xunto á N-525, a un 4 km de Lalín en dirección Ourense. O seu chan composto por micacitas metamórficas prehercínicas básicas dan lugar a terras acedas pero que teñen unha alta produtividade forestal e por iso están considerados como os castiñeiros con maior taxa de crecemento anual de toda Europa.

As súas condicións climatolóxicas son propicias para o crecemento destas especies autóctonas pois mantén unha precipitación media de 1290 mm e unha temperatura media de 12,7º. Ademais o bosque líbrase a maior parte do ano das fortes xeadas invernais. A altura do conxunto elévase aos 550 m sobre o nivel do mar. O bosque mixto está composto na súa maioría por carballos (Quercus Robur) e castiñeiros (Castanea sativa). Estes últimos superan alturas de 30 m e un perímetro de 5 m, considerándose uns dos castiñeiros con máis porte de Europa segundo técnicos da FAO. En 1954 o fitopatólogo norteamericano visitou a fraga e propuxo a súa protección á mesma organización.

A súa idade é estimada entre os 100 e 150 anos aínda que algún exemplar podería superar facilmente os 200, como demostra a base uno deles que o furacán Hortensia esnaquizou no ano 1984 e que poderemos ver nun recuncho desta fraga.
A Xunta catalogou a fraga no ano 2000 como Monumento Natural e tamén se engloba como Formación Senlleira no Catálogo de Árbores Senlleiras.

Existe unha ruta sinalizada que percorre as fragas e parte do Rego da Quintela, así como varias rutas que percorren as diferentes fragas e soutos da parroquia de Catasós.

Non podemos deixar de falar de Catasós sen mencionar a intención da eléctrica Gas Natural de atravesar parte das fragas da parroquia cunha liña de alta tensión (LAT – O Irixo – Lalín) de 132 kilovoltios que arrasaría máis de 2000 árbores, moitos deles centenarios. É por iso diversas asociacións tentan que a distribuidora de marcha atrás nas súas pretensións e lograr unha variante que asegurase o futuro das Fragas de Catasós.


VÍDEO EN DEFENSA DE AS FRAGAS DE CATASÓS

14317319_1807624519517399_7538748848651762010_n

Máis fotos aquí


MAPA – LOCALIZACIÓN

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *