Casal de Chedas | GALICIA MÁXICA


A conca do Deza forma vales que aínda hoxe permanecen perdidos e ocultos ás miradas de moitos de nós. O seu relevo e a súa natureza forman lugares de especial beleza repletos de restos cheos de historia e tradición popular.

No oculto val de Chedas, nos Montes do Testeiro, existe un casal solitario habitado que se conta que hai séculos foi centro de aprendizaxe de diversas artes dos veciños monxes do mosteiro de Aciveiro. Trátase dun conxunto de edificacións de diversas épocas e moi reformado que conta con capela, hórreo, vivenda, algún alpendre e un gran adro central ao cal lle chega unha canle de auga que recolle as augas dun regacho próximo.

Diversas pedras dan conta do seu pasado afastado como unha xanela de arco conopial flanqueado por dous rostros gravados que ben podería ter máis de 500 anos e remontarse ao gótico tardío. Diversas pezas dentro do casal contan con inscricións dun pasado incerto xa que se di que esta edificación foi construída cos restos dun convento que se localizaba no alto da montaña de O Cotado onde están os aeroxeradores. Aínda poderemos ver neste lugar uns poucos restos esparexidos. O lugar conserva o topónimo de O Convento.

No século pasado o etnógrafo Xaquín Lorenzo (Xocas) realizou unha viaxe polos vales de Zobra e xa nos deixou inmortalizada unha fotografía do val de Chedas e fálanos deste casal.

En 1993 estreouse a película “Huídos” que foi rodada parte neste lugar. Foi dirixida por Sancho Graza e baseada no libro “Fuxidos de sona” de Carlos González Reigosa.

O seu propietario (Antonio) resístese a abandonar este idílico lugar e mantén a facenda a pesar de varios intentos de compra.

A súa historia conta lendas sobre correrías e amoríos de Pimentel e para iso recoméndovos esta ligazón onde poderedes ter unha pequena idea do que se conta e que dá fé o señor Antonio: Capítulo 0.

Rógase manter a paz do lugar e non esquezamos que se trata dunha casa privada e habitada polo que se pide un respecto á intimidade.

Máis fotos aquí


MAPA – LOCALIZACIÓN

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *