Alvariza de Acevedo | GALICIA MÁXICA


A introdución das ordes monásticas en Galicia trouxeron consigo unha importante e gran variedade de oficios e artes tradicionais que aceleraron os procesos artesanais e primitivos do campo galego. Desta forma apareceron novas técnicas para a produción de viño, de aceite, de mel ou mesmo para o aproveitamento da neve.


Foron os monxes do próximo mosteiro de Aciveiro quenes introduciron a arte apícola nos Montes do Testeiro e neste caso na parroquia de Zobra. É por iso que estes montes e os de O Candán alberguen unha gran cantidade de alvarizas que nos seus tempos chegaron a producir importantísimas cantidades de mel e de cera que era aproveitada polos monxes para exvotos e velas.


Pero as abellas tiñan os seus inimigos e o mel das colmeas era obxectivo da gran cantidade de osos que ata mediados do século XIX poboaban estes montes. Para protexelas dos golosos osos non houbo máis remedio que construír muros perimetrais de pedra que nalgúns chegaban a ter varios metros de altura.
A beiras do Zobra localízase a Alvariza de Acevedo, coñecida ás veces pola Alvariza do Ramón, un dos seus últimos propietarios.


Trátase dunha construción situada en terreo inclinado a unha altura de 560 metros e de forma redondeada. Os seus muros chegan a medir no exterior preto de 2,5 metros e no interior elévanse aínda máis. Está construída en mampostería composta por esquistos e laxas.
A súa situación responde as necesidades básicas das abellas xa que buscaban captar o sol e evitar humidades e xeadas e ás veces situábanse preto dos regachos que neste caso forma o Río Zobra.


Aínda hoxe é utilizada para uso apícola e poder producir unha dos mellores meles de Galicia. O clima, a pouca contaminación e a vexetación autóctona fan que estas abellas produzan este prezado “ouro líquido” na parroquia de San Martiño de Zobra.
Por iso aínda hoxe existen varios produtores artesanais de mel que contan co selo de Agricultura Ecolóxica do Consello Regulador de Galicia.


Trátase dun mel caseiro feito coa mecanización indispensable para evitar a manipulación do mel, sen tratamento industrial e que garanten a máxima calidade dos seus produtos. O esmero dos produtores, a tradición e a artesanía crean aquí un produto único. Son tres os produtores de mel de Zobra: Mel do Carrasco, Mel O Testeiro e Mel O Cortizo e foron varios os premios outorgados a estes produtores.

Máis fotos aquí


MAPA – LOCALIZACIÓN

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *