Necrópole de San Vitor de Barxacova | GALICIA MÁXICA


A uns 500 metros de San Lourenzo de Barxacova e percorrendo o antigo camiño que ía cara a Forcas e logo á ponte de Conceliños e preto de onde se atopou a “espada de Forcas” (idade do bronce) existe unha gran necrópole rupestre que empezou a ser estudada e escavada en serio a partir do ano 2010. A historia  de este lugar que se localiza xunto a un peñasco saínte pérdese nos séculos xa que os restos de tégula romana atopados lévannos como mínimo aos primeiros séculos da nosa era.

Trátase dun cerro de 593 metros de altura desde o cal se divisa unha gran panorámica do estreito val do Mao. En fronte xusto, pero xa na Teixeira, está a coñecida como Pena do Castelo que formaría xunto con esta atalaia un control de paso por estas terras.

O lugar fórmao unha pequena chaira e o cerro rochoso nomeado onde existiu unha capela medieval. Sabemos que as súas paredes aguantaron ata o século XIX pero un acto vandálico acabou cos restos esparexidos polo precipicio e polos arredores.

Antes das escavacións de 2010 sabíase da existencia de catro sartegos e en 1914 o investigador Joaquín Arias Sanjurjo falaba de que se vían sete máis. Unha vez estudado o lugar apareceron numerosos restos, moedas, tellas e ata cincuenta tumbas antropomorfas escavadas na roca e moitas delas contaban coas pedras que se usaban para tapalas.

Na cima había dúas tumbas máis e durante os traballos apareceu outra que recibiu o nome de “tumba privilexiada” pola súa situación e estrutura a base de laxas e onde supostamente estaría enterrado algún personaxe de boa posición social. Nesta atopáronse restos óseos os cales foron analizados coa técnica do carbono 14 saíndo unha datación entre os séculos X e XI.

Ademais da tégula romana e alto medieval atopáronse tres moedas do tempo de Sancho IV (s.XII), Enrique II (s.XIV) e de Alfonso V de Portugal (s.XV). Isto lévanos a unha ocupación que abarcaría desde tempo dos romanos ata o século XV, data que se sabe que aínda existía culto na ermida.

Sábese que estas tumbas albergaron aos defuntos das veciñas localidades de San Lourenzo de Barxacova, de Forcas e de Ivil, en Pradomao.

Ata primeiros de século XXI había no alto unha torreta eléctrica con base de formigón a cal por sorte foi retirada posteriormente.

Desde o punto máis alto veremos unhas estupendas vistas do Mao e da Ribeira Sacra do Sil.

Para chegar ata aquí o máis sinxelo é facelo desde San Lourenzo de Barxacova e coller o antigo camiño cara a Forcas que nos levará por un carreiro e uns 600 metros ata a necrópole de San Vitor. Nas imaxes do voo americano de 1956-57 apréciase un camiño que chega desde o fondo do val xunto á antiga fábrica da luz cun percorrido moi sinuoso e é que a inclinación é considerable. De todas as maneiras non coñecemos nin atopamos nada sobre esta vía aínda que puidese servir para axuda na construción na segunda década do século XX do “canle vella” e das canalizacións que facían chegar a auga á Fábrica da Luz.

Para saber o que os traballos arqueolóxicos sacaron á luz e para máis información podedes visitar a seguinte ligazón:

https://sanvitordebarxacova.wordpress.com/

Máis fotos aquí


MAPA – LOCALIZACIÓN

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *