Lagar de Couso | GALICIA MÁXICA

O Rosal e os concellos limítrofes manteñen unha gran relación e unha arraigada tradición vinícola moi antiga e por iso é moi fácil atopar elementos tradicionais dedicados ao mundo do viño.



Na estrada que une a localidade do Rosal coa Guarda e a escasos metros do centro da primeira atoparemos unha mostra dun gran lagar dedicado á prensa da uva. Os lagares eran sistemas tradicionais empregados para o prensado da uva. Están xa documentados na Idade Media e non comezaron a súa decadencia ata finais do século XIX coa introdución das prensas verticais.


Moitos deles eran de carácter comunal e do mesmo xeito que os muíños eran empregados por quendas entre os veciños. Debido á súa relativa complexidade e ao desembolso económico na súa construción moitos destes lagares pertencían moi a miúdo a grandes casas fidalgas e ao mesmo clero quen tiña recursos económicos fortes. Consiste nun depósito de pedra construído normalmente nunha adega de aproximadamente un metro de altura e encostado a unha parede.


Nela por medio de dúas pedras sobresaientes, as rabeiras, apóiase un eixo, (embigo) e se ensambla a viga (trabe) que ten outro extremo con cabezalla e un buraco con rosa (Concha), por onde vira o fuso accionado por tornos. O fuso vai unido a unha gran pedra troncocónica chamada penso. Ás veces, pero non neste caso, a viga está amparada pola súa banda central por dous pés verticais de madeira (virxes) que impiden o seu desprazamento. O buraco por onde sae o líquido cara a unha pila máis pequela recibe o nome de bica ou biqueira. Este en concreto marca o ano 1770 pero descoñecemos a súa procedencia.




Bibliografía lagares (O Ribeiro, el vino de la cultura, la cultura del vino)

MAPA - LOCALIZACIÓN

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A lendaria Pedra da Serpe de Corme

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

A Cidade dos Mortos das Costas do Alén