Muíño de Rañe | GALICIA MÁXICA

Escondido e abandonado a beiras do río Tea se mal conservan os restos dun gran muíño que nun pasado non moi afastado debeu ter unha gran actividade e trasfega. Localízase na parroquia de Fornelos da Ribeira, en Salvaterra de Miño, a escasos metros do límite municipal divisorio de Ponteareas.

Como moitos lugares localizámolo por casualidade, percorrendo a senda do río Tea que une Ponteareas con Salvaterra de Miño. Non localizamos ningunha información sobre el nin no momento a ninguén que nos achegase algunha aclaración, polo que pedimos que se alguén nos puidese achegar datos serían recibidos con gran satisfacción. Nin sequera sabemos o seu nome e por iso decidimos chamalo Muíño de Rañe pola súa localización a uns metros deste lugar da parroquia. A única nota é unha mención á derruida "acea" (presa) que vimos nomeada como "presa das Laxes".



Trátase dun gran edificio con aparencia de ter varias épocas construtivas. Desde unha basta cachotería de grandes pedras, pasando por pedras de cantería de mellor labra, tipo perpiaños, ata ladrillos propios do século XX. A súa antigüidade orixinal énos difícil de precisar, pero é probable que sexa de principios do século XX ou construído sobre outra construción anterior do XIX.




Que é un muíño está claro, pois partes das súas moas atópanse esparexidas polo lugar, cal era a súa función e a súa finalidade xa non o podemos asegurar. Con todo atrevémonos a dicir que se trataba dun muíño de acea composto por tres rodas verticais de madeira sobre o río, máis ben sobre as canles que conducen a auga do río Tea desde a presa ata a suposta maquinaria. Na fachada localízanse tres buracos na parede que darían paso aos eixos de dúas rodas de madeira máis grandes e unha de máis reducido tamaño.



A construción é de gran tamaño o que nos permite saber que a súa actividade non podería limitarse soamente á produción de fariña. Por iso apostamos que a utilidade desta edificación sería de serradoiro de madeiras ou se non un batán. Tampouco cremos que puidese ter relación coa produción de electricidade. A solidez do edificio vese ameazada con risco de derrube e non sería raro que algunha riada levase os restos en calquera momento. O interior está "limpo" e non hai rastro de maquinarias salvo as moas do exterior. Constaba de dúas plantas e quizais unha inferior para diversa maquinaria. A planta alta foi engadida ben entrado o século XX pois se realizou con ladrillos. A súa cubrición é a dúas augas a base de tella, que tampouco parece ser excesivamante antiga, máis ben todo o contrario.




Na actualidade queda unha pequena parte da cuberta aínda que constatamos polos mapas que na primeira década do século XXI aínda contaba aparentemente coa totalidade de da cuberta. Tampouco sabemos nada sobre cando cesou a súa actividade. Non se aprecian elementos eléctricos e nin sequera vese que houbese unha estrada en condicións para chegar ata el, xa que a actual foi construída a posteriori e o acceso realizábase por outro camiño moi preto. Nas imaxes do voo americano do ano 1956-1957 aínda se pode apreciar a acea (presa) en bo estado e aparentemente os arredores limpos. Hoxe a presa está parcialmente derruida e a auga pasa formando rápidos, permitindo así o remonte de especies piscícolas.


En pártea norte da fachada levántase un gran muro cuxo uso parece ser de contención ante as riadas. Río abaixo existe outra construción que asemella unha pesqueira, aínda que as súas dimensións e os grandes accesos que observamos nas imaxes do voo americano parecer indicar outro uso, seguramente en relación co serradoiro.




Na segunda década do século XXI construíuse a tubaxe de saneamento de parte desta comarca que desde Fornelos dá Ribeira descende ata xusto aquí. Sobre el acondicionouse un carreiro de sete quilómetros río abaixo que chega ata o Parque da Canuda, en Salvaterra de Miño pasando por Fillaboa. A súa comodidade e anchura permite a circulación de bicicletas e peóns. Río arriba un carreiro máis estreito e sinuoso levaranos a Ponteareas.




Máis fotos aquí



MAPA - LOCALIZACIÓN

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A lendaria Pedra da Serpe de Corme

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

Poboado castrexo de Castromaior