Capela de San Gregorio (Ruínas) | GALICIA MÁXICA

"Finuleito", así escribían a primeira referencia histórica sobre a parroquia de Fiolledo alá polo ano 991. Esta terra de bo clima e bos cultivos foi aproveitada pola familia Avalle para a construción do Pazo dos Señores de Fiolledo, quen foi enviados a esta zona fronteiriza para impoñer as novas leis inquisitorias cara a finais do século XV. Contaban que a Casa de Fiolledo é "a sexta máis antiga dos solares de España".



Séculos despois conta unha historia citada por Álvarez Limeses, autor de Xeografía Xeral do Reino de Galicia, que o pazo era centro de reunións carlistas e os realistas puxeron sitio á casa e prendéronlle lume. Con todo os asediados baleiraron os barrís de viño, cultivo tan estendido nestas comarcas e lograron apagalo. Non foi ata o ano 1882 cando faleceu o último señor de Fiolledo, D. José María Avalle e Pereira.



Hoxe en día existen os restos privados da casa xunto ás ruínas da capela, pero pouco poderemos apreciar da súa antiga configuración.

A época máis esplendorosa da familia foi con D. Gregorio Avalle Castro Lobera, entre os séculos XVI e XVII. Este mandou construír o pazo-fortaleza e a capela que foi levantada en advocación a San Gregorio no ano 1601. Baixo o pago de "mil pesos de renda" D. Gregorio conseguiu que el e a súa familia alí fosen enterrados. Desde entón o barrio recibe o nome de San Gregorio.



A capela localizábase xunto ao camiño fóra dos muros do pazo e aínda que pertencía á familia tamén era utilizada polos habitantes da parroquia. É de planta rectangular e foi ampliada no ano 1778 por un sucesor da familia chamado Felipe Antonio de Avalle Ponce de León, tal e como nos conta unha inscrición nos restos da igrexa.



A súa fachada coróase cunha sinxela espadana e resalta un gran escudo nobiliario coas armas dos Mariño de Lobeira, Sotomayor, Pereira de Castro e o señores da casa, os Avalle.

Máis fotos aquí







MAPA - LOCALIZACIÓN


Comentarios

Publicacións populares deste blog

A lendaria Pedra da Serpe de Corme

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

A Cidade dos Mortos das Costas do Alén