Capela, fonte, peto e oratorio de São Félix de Barbeita | GALICIA MÁXICA

Cruzando a Ponte do Mouro, entre Barbeita e a União dás Freguesias de Ceivães e Badim, chegaremos á Capela de São Félix. Trátase dun fermoso conxunto arquitectónico composto de casa reitoral, peto, cruceiro, igrexa e fornelo. Por aquí circulaba o antigo camiño de peregrinación de Monção para a romaría da Senhora dá Peneda en Arcos de Valdevez.


Igreja de São Félix



Este templo relixioso situado en Barbeita e dedicado a São Félix presenta unha arquitectura manierista, rococó e neoclásica. Ten planta lonxitudinal e nave única cunha fachada rematada en frontón triangular con nicho e dous óculos no tímpano. No interior destacan os retablos rococós policromados e os retablos neoclásicos. Sobre a porta adintelada pódese ler a posible data de construción: ano 1765.



Oratório de Santo Cristo / Oratório do Senhor da Boa Morte



En fronte á porta principal da igrexa poderemos ver un fantástico fornelo rectangular que acubilla un cruceiro barroco policromado e unha especie de porta pintada con frescos tamén barrocos. A data inscrita no fornelo fálanos de 1753. No cruceiro veremos un escudo que representa aos Soutomaior e aos Castro. En fronte de leste poderemos ver embebida nunha parede a fonte de Ponte do Mouro.



Fonte de Ponte do Mouro



Consérvase unha fonte dun só caño por baixo do nivel do camiño e embebida nunha parede dunha casa. Nela represéntase unha figura animal metade serpe e metade peixe. É do século XVIII e no XX foi rehabilitada tapando unha das volutas laterais.



Peto de Ponte de Mouro


O sinxelo peto se situa xunto ao atrio da igrexa. Consta de dous corpos, a base e a hornacina que marca o ano 1798. Baixo esta hai un debuxo contemporáneo en baldosas coa figura de Cristo crucificado e que garda esta frase. "Vós que ides passando lembraivos dos ques estao penando".



 

Máis fotos aquí







Comentarios

Publicacións populares deste blog

A lendaria Pedra da Serpe de Corme

Insua dos poetas, un paque temático para o Galego no Carballiño

A Cidade dos Mortos das Costas do Alén